MELLOR ESPECTÁCULO. 'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro, triunfa nos María Casares

A montaxe dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo faise cos premios de Mellor Espectáculo, Dirección e Texto Orixinal, entre outros, nunha gala marcada pola necesidade do "apoio institucional".

Nós Diario

4/9/20263 min read

A montaxe dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo faise cos premios de Mellor Espectáculo, Dirección e Texto Orixinal, entre outros, nunha gala marcada pola necesidade do "opoio institucional".

ROI FERNÁNDEZ

XXX Premios de Teatro María Casares

A escena galega celebrou esta cuarta feira, 8 de abril, a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas na Galiza. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns. Conseguiu os premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

Xunto ao éxito de Reconversión, a trixésima edición dos premios recoñeceu o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa parte, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.

O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen sumou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión. Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

A voz do sector

A presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: "Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar xa para reverter a situación de hexemonía do castelán".

Discurso da presidenta da Academia, Eva Fórneas. (Foto: La Diapo)

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento "real e non meramente simbólico". Fórneas advertiu da "instrumentalización" do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: "Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida". Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: "non nos agasallan con nada". A AAAG, ademais, entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez.

O teatro como "chave"

Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha "chave decisiva" para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da "caricatura ao suxeito" e pechou a súa proclama cun unánime "Viva o Teatro Galego!".

Listaxe de candidaturas premiadas

Ibuprofeno Treatro: Reconversión (1)

  • Mellor espectáculo: Reconversión

  • Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo

  • Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso

  • Mellor actor secundario: Fran Lareu

  • Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo

  • Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade

CEntro Dramático Galego A serie clopen (2)

  • Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito

  • Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada

Morraoconto: TROMSØ (2)

  • Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro "Coti"

  • Mellor iluminación: José Faro "Coti"

Galeatri e Xarope Tulú: Berenguela na gaiola (2)

  • Mellor espectáculo infantil: Berenguela na gaiola

  • Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira

Aramboia: Un tal Romeo (1)

  • Mellor actor protagonista: Fran Lareu

Tanxarina: A biblioteca galáctica contra a IA fantástica (1)

  • Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

Eelefante Elegante: Alta costura (1)

  • Mellor vestiario: Carolina Díguele

Ártika Cía: O libro da selva, o musical (1)

  • Mellor maquillaxe: Ártika Cía

-Foto de grupo coas persoas premiadas. (Foto: AAAG)-

FUENTE: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/non-publicat-ate-23-00-reconversion-ibuprofeno-teatro-triunfa-nos/20260408230604252824.html